A Xunta concede case 2,3 millóns de euros en axudas na Rede Natura


Rede Natura

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicou o 10 de febreiro de 2015, a través do Diario Oficial de Galicia, a resolución pola que se fan públicas a adxudicación de axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza concedeu unha subvención a 126 concellos, o que se traduce nun investimento de 2,29 millóns de euros.

 

No caso da provincia de Ourense destínanse 560.000 euros que se repartirán entre 29 concellos. Estas axudas permitirán a recuperación do abrevadeiro e valo en Paradela de Abaixo, no Concello de Manzaneda; traballos na contorna do Castelo Grande na parroquia de Santigoso, na Mezquita, e o acondicionamento e mellora de uso público dunha ruta no Cañón do Sil- Santa Cristina, en Parada do Sil.

 

Cómpre recordar que o obxectivo destas subvencións é colaborar cos concellos na execución de accións que permitan a mellora da paisaxe, o mantemento das condicións ambientais ou a recuperación de especies historicamente relacionadas coa actividade agraria en zonas da Rede Natura 2000. Tamén é finalidade deste programa de axudas, cofinanciado con fondos FEADER, a conservación e restauración de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos da paisaxe agraria tradicional coa finalidade de incrementar nas explotacións agrícolas, o valor de recreo público das zonas Natura 2000.

 

Así, as 126 actuacións que se subvencionarán están integradas nestes tres tipos de proxectos, que son obxecto da liña de axudas establecida pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza:

• Actuacións dirixidas á mellora da paisaxe agraria e desenvolvemento de usos recreativos: limpeza e restauración de camiños de acceso aos predios; sinalización de camiños, e outras de análoga ou similar natureza dentro da Rede Natura 2000.
• Accións a prol da recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos ou necesarios para o mantemento da paisaxe agraria tradicional (rehabilitación de elementos de valor patrimonial nas explotacións: hórreos, milladoiros, cabanas, sequeiros, muros, fontes e calquera outra de análoga ou similar natureza dentro da Rede Natura 2000).
• Actuacións dirixidas á preservación dos hábitats ou ecosistemas naturais e seminaturais: sistemas de condución e drenaxes próximos a zonas de acceso; investimentos destinados á preservación da vexetación de ribeira e filtros verdes; mantemento de sebes nas beiras das zonas comúns, mellora de accesos, levadas ou traídas que faciliten a conservación ou mantemento en bo estado dos hábitats seminaturais, soutos e prados de sega dentro da Rede Natura 2000.

Dejar un Comentario